martes, 2 de novembro de 2021

UNIDADE 3: O ADXECTIVO (TEORÍA)


O adxectivo, o colorante do substantivo


É a categoría gramatical que indica as calidades do substantivo. É coma o colorante do substantivo, xa que é o que lle aporta “sabor”. O adxectivo aporta información de tamaño, forma, cor… Distinguimos dous tipos de adxectivos: 

a) Epítetos ou explicativo. Son os adxectivos que indican unha calidade propia do substantivo que modifican. Ex.: verde herba, sangue vermello, neve branca… 

b) Especificativos. Son os adxectivos que indican unha calidade que axuda a individualizar o substantivo que modifican. Ex.: casa grande, casa pequena, rapaz loiro, rapaz moreno… 

GRAOS DO ADXECTIVO

O adxectivo presenta tres graos para intensificar en maior ou menor medida, ou ben para comparar a calidade do substantivo. 

Así, falamos de: 

a) Grao positivo. Indica  a calidade do substantivo. Ex.: neno loiro. 

b) Grao comparativo. Dentro desta modalidade distinguimos entre comparativo de igualdade: compara a calidade do substantivo. Por exemplo: o neno é loiro coma min; de inferioridade: o neno é menos loiro ca min; de superioridade: o neno é máis loiro ca min. 

c) Grao superlativo. Intensifica a calidade do substantivo. Por exemplo: o neno listísimo; o neno é moi listo.  

Lembra que o superlativo podemos clasificalo neste sentido en superlativo absoluto ou en superlativo relativo. Vexamos un exemplo: María é a rapaza máis alta da clase; María é moi alta. No primeiro caso, dicimos que María posúe a calidade da máxima altura sobre o resto dos seus compañeiros, namentres que no segundo caso, resaltamos unha calidade de María. No primeiro caso falamos dun superlativo relativo: máis alta; no segundo caso, pola contra falamos dun relativo absoluto: moi alta/altísima.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.