martes, 2 de novembro de 2021

UNIDADE 3: A FORMACIÓN DO GRAO COMPARATIVO (TEORÍA)

A formación do grao comparativo

Lembra que cando falamos da formación do grao comparativo  estamos a comparar sempre dous aspectos e que temos que distinguir tres tipos:

a) O comparativo de igualdade: formado por: tan/tanto/tanta/tantos/tantas que vai sempre acompañando o primeiro elemento da comparación e a conxunción comparativa como/coma que sempre vai acompañando o segundo elemento da comparación. Exemplos:  

- Teño tantos anos coma vós.
- Teño tanta paciencia como ilusión.
- É tan loiro como a rapaza.

Supoñemos que repararías no emprego da conxunción comparativa "como" ou "coma". Tal e como podes ver no exemplo, se no segundo elemento da comparación vai un pronome persoal, deberás empregar sempre a conxunción comparativa "coma"; no resto dos casos podes empregar "como".

b) O comparativo de inferioridade: presenta no primeiro elemento da comparación: "menos" e acompañando o segundo elemento da comparación, a conxunción comparativa "ca" ou "que" e "do que". Exemplos:

- Ten menos interese ca vós niso.
- Gústame menos este móbil que aquel de alí
- Ve menos do que parece.

Repara no emprego da conxunción comparativa "ca": sempre que vaia acompañando o pronome persoal tónico. 
Observa tamén o emprego da locución comparativa "do que": se estás comparando accións, é dicir, se comparas verbos.
No resto dos casos poderías empregar a partícula comparativa "que".

c) O comparativo de superioridade: neste caso teremos no primeiro elemento da comparación o adverbio: "máis" e despois no segundo elemento da comparación a conxunción "ca", "que" e a locución conxuntiva comparativa "do que". Exemplos:  

- É máis falador do que parece.
- Tenche máis sentidiño ca ti.
- Ten máis lámpadas esa sección que estoutra.

Novamente repararás no emprego da conxunción comparativa "ca", ou "que", non si? Como no caso anterior. A conxunción comparatiava "ca" se vai antes do pronome persoal tónico; a locución conxuntiva comparativa "do que", se compara accións e unha última cousa na que que seguro que non te fixaches, pero que xa a traballamos na acentuación diacrítica: o emprego das formas contractas "cá", "cás", "có" e "cós" se tes que escribir a partícula comparativa "ca" e despois o artigo determinado. Exemplos: 

- É máis pequena a túa bolsa cá súa carteira.
- Gústanme máis as túas cás miñas.
- É máis novo este có anterior.
- Son mellores estes cós outros que vimos antes.


CONXUNCIÓNS COMPARATIVAS

ANTE PRONOME

ANTE VERBO

RESTO DE CASOS

Igualdade

coma

como

coma / como

Superioridade

e

inferioridade


ca


do que 


ca / que




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.